MÁIS INFORMACIÓN TURÍSTICASantiago de Compostela. Patrimonio da Humanidade Santiago de Compostela é unha cidade universal que pola súa riqueza cultural e arquitectónica foi declarada pola UNESCO Patrimonio da Humanidade; unha cidade na que se goza da sensación única de pasear por unhas rúas nas que xentes e séculos esculpiron con mestría a pedra. Como meta do Camiño de Santiago e punto de encontro da espiritualidade de Europa, a cidade atesoura a súa herdanza multicultural en numerosos museos e alimenta un apertado calendario creativo con concertos, teatro, danza, exposicións e moito máis. Para sorpresa dos seus visitantes, Compostela desprega tamén un sorprendente catálogo de arquitectura contemporánea, asinada por Eisenman, Hedjuk ou Siza, ao redor da cal se estende unha sobresaínte dotación de parques e xardíns. Unha cidade para saborear a gastronomía galega, que desborda dos fogóns con cheiro a produtos frescos do mar e da terra; para as compras de calidade, nun comercio que abrangue o amplo espectro da moda galega, a artesanía, a prataría, a acibecharía ou a cerámica. Unha cidade nova, grazas á presenza dos miles de estudantes da Universidade cinco veces centenaria. E un espazo seguro para vivir a noite, tempo propicio para o paseo tranquilo, a música en directo ou as longas veladas en pubs e discotecas. E ademais... a posibilidade de coñecer Galicia en excursións dende Santiago: a súa paisaxe verde, as súas rías, a súa salvaxe costa oceánica, o seu rico patrimonio e os seus costumes, a súa autenticidade e a súa recoñecida hospitalidade. + info
|
|