Coincidindo co Día da Galiza Combatente, estréase no Teatro Principal de Compostela o filme CCCV, Cineclube Carlos Varela, que homenaxea ao cineasta 25 anos após a súa morte.
O filme, realizado por enteiro por Ramiro Ledo Cordeiro, foi feito coas imaxes que o realizador Carlos Varela rodou en Super8 durante as protestas contra a usurpación do areal de Baldaio, a resistencia ás expropiacións nas Encrobas, a marcha Viveiro-Xove para evitar a instalación da central nuclear na costa de Lugo, a concentración no pavillón de Lugo para a supresión da cota empresarial da Seguridade Social Agraria, os días da Patria en Compostela... todas son imaxes do esquecido autor, agás aquelas que o mostran a el propio, ao realizador, en palabras de Ledo Cordeiro, dun 'cinema de acción directa' que esquece o 'turístico e morriñento' para 'achegarse á realidade da Galiza combatente do momento'.
Eran os anos inmediatamente posteriores á morte de Franco e a mal chamada Transicion á democracia; momentos de efervescencia social que Carlos Varela vivía e fixo pervivir nas súas imaxes, que agora son recuperadas, 25 anos despois de que un tráxico accidente terminara coa súa vida, cando apenas tiña 35 anos, e restaba moito por facer.
Para Ramiro Ledo Cordeiro, Varela Veiga alén de ser o realizador que 'percorrería Galiza enteira detrás da súa cámara de cinema para facer a crónica do movemento nacional-popular galego, (...) deixou toda unha estela de traballo exemplar no eido da fotografía, na cerámica, no debuxo, no deseño gráfico, no mural, no traballo cos tapices'. Ademais, Varela dirixía o Cineclub Valle Inclán, na cidade de Lugo, onde moraba, elaborou na altura de 1977 o anteproxecto de estatutos para a Federación de Cineclubes de Galiza -que non se constituiría até sete anos máis tarde- e fundou e dirixiu a sociedade Nós Cinematográfica Galega que no seu estatuto fundacional defendía 'a incorporación á cultura galega do fenómeno cinematográfico en todas as súas manifestacións'.
De Carlos Veiga dixo tamén Xosé Paz Rodríguez que 'é salvo algún traballo do cineasta Carlos Velo, o único realizador galego de cinema militante'
O documental CCCV – Cine Clube Carlos Varela tivo a súa preestrea o pasado 19 de agosto no salón de actos de Caixa Galicia, en Lugo, e poderá verse mañá día 11 de outubro no Teatro Principal de Santiago de Compostela, en sesións ás 20h00 e ás 22h00.
'Débese rachar co feito tradicional de concibir e facer cine como dios manda, porque diante de nada o cine é un invento da humanidade que lle foi roubado, como dixo alguén, por un prato de lentellas', dixera no seu momento Carlos Varela Veiga.
Galería de imágenes
"CCCV, Cineclube Carlos Varela", unha homenaxe ao cineasta das loitas
Más información
- Lugar
- Teatro Principal, Compostela
- Horario
- Teatro Principal
Sesións ás 20h00 e ás 22h00
Ás entradas póñense á venda nas taquillas a partir do mediodía
- Fecha de inicio
- 13/10/2004
- Fecha de fin
- 20/10/2004