Coincidindo co Día da Galiza Combatente, estréase no Teatro Principal de Compostela o filme CCCV, Cineclube Carlos Varela, que homenaxea ao cineasta 25 anos após a súa morte.
O filme, realizado por enteiro por Ramiro Ledo Cordeiro, foi feito coas imaxes que o realizador Carlos Varela rodou en Super 8 durante as protestas contra a usurpación do areal de Baldaio, a resistencia ás expropiacións nas Encrobas, a marcha Viveiro-Xove para evitar a instalación da central nuclear na costa de Lugo, a concentración no pavillón de Lugo para a supresión da cota empresarial da Seguridade Social Agraria, os días da Patria en Compostela... todas son imaxes do esquecido autor, agás aquelas que o mostran a el propio, ao realizador, en palabras de Ledo Cordeiro, dun 'cinema de acción directa' que esquece o 'turístico e morriñento' para 'achegarse á realidade da Galiza combatente do momento'.
Eran os anos inmediatamente posteriores á morte de Franco e a mal chamada Transicion á democracia; momentos de efervescencia social que Carlos Varela vivía e fixo pervivir nas súas imaxes, que agora son recuperadas, 25 anos despois de que un tráxico accidente terminara coa súa vida, cando apenas tiña 35 anos, e restaba moito por facer.
O documental CCCV – Cine Clube Carlos Varela tivo a súa preestrea o pasado 19 de agosto no salón de actos de Caixa Galicia, en Lugo, e poderá verse mañá día 11 de outubro no Teatro Principal de Santiago de Compostela, en sesións ás 20h00 e ás 22h00.