A V edición do Santiago (é) Tapas está superando todas as expectativas e xa son máis de 60 os establecementos que formalizaron a súa inscrición nesta cita, batindo así o seu récord histórico de participación cando toma as rendas da organización Hostelería Compostela.
Así, e a falta de comprobar as últimas altas, xa se superan as cifras do ano 2011, no que houbera 60 participantes e das catro edicións anteriores, cando Turismo de Santiago organizaba este evento gastronómico.
Este éxito de convocatoria é froito do compromiso do sector empresarial compostelán con esta cita consolidada, a pesares da redución do seu orzamento á metade nun contexto de dificultades económicas e de recurtes por parte do Concello, que deicidíu deixar de organizar este concurso de tapas.
Os vindeiros luns 8 e o martes 9 de outubro todas as tapas presentadas polos establecementos pasarán unha avaliación por parte dun xurado profesional que acreditará a súa calidade, no Centro de Formación e Cultura Gastronómica. Será un bo momento para ir coñecendo algunhas das delicias en miniatura coas que os máis de sesenta establecementos aspiran a entrar na fase de concurso. Trátase dun dos pasos que aseguran a excelencia e a innovación na mellor cita destas características que se celebra en Galicia.
A Asociación de Empresarios de Hostelería de Santiago de Compostela asume este ano a organización do evento, batindo un récord histórico de establecementos participantes e dando boa proba da súa capacidade organizativa e de liderado no sector. Os composteláns e os visitantes poderán degustar as creacións entre o venres 26 de outubro e o domingo 11 de novembro.