A Axencia de Turismo de Galicia e Turismo de Santiago asinaron en xullo deste ano un convenio de colaboración para a realización de actividades de promoción do turismo, entre as que se atopan o impulso da cidade como destino de congresos, o proxecto de promoción da "Compostela dos Bos Amores", o proxecto "O Camiño Urbán" e a promoción da figura de Rosalía de Castro como atractivo turístico de Santiago e Galicia. A Axencia de Turismo de Galicia financia estas actividades con 60.000 euros.
O impulso da cidade como destino de congresos supón unha oportunidade para a cidade de Santiago pola súa capacidade para desestacionalizar a demanda e polo alto nivel de gasto medio das persoas participantes nos eventos. O proxecto naceu co obxectivo de posicionar a cidade como destino para eventos internacionais de tamaño medio a celebrarse nos meses de tempada baixa para desestacionalizar a demanda a traves de dúas accións complementarias: por unha banda un proceso de formación especializada na captación e acollida de eventos internacionais para o sector da cidade e por outra a edición de material promocional específico en distintos formatos, incluido o dixital, dirixido a organizadores de eventos europeos, especialmente dos principais mercados turísticos da cidade.
O proxecto de promoción da “Compostela dos Bos Amores”, en homenaxe a un poema de Rosalía de Castro, ten coma obxectivo promocionar a cidade internacionalmente para a celebración de vodas e de lúas de mel ou viaxes de celebración de aniversarios, concibidos dun xeito inclusivo, facendo referencia tanto a enlaces civís coma relixiosos e a calquera tipo de parella.
O proxecto de promoción turística da “Compostela dos Bos Amores” estrutúrase en torno a dúas liñas de actuación complementarias. Por unha banda, a edición de material promocional en diferentes formatos, incluído o dixital, para promocionar a cidade como destino dos Bos Amores. Por outra banda, a posta en valor da posibilidade que ofrece o Concello de Santiago de celebrar vodas civís no Salón Nobre do Pazo de Raxoi.
O Proxecto “O Camiño urbán” é un proxecto que pretende poñer en valor o atractivo verde de Santiago, tanto dos tramos do Camiño de Santiago como dos múltiples parques e xardíns da cidade e, ao mesmo tempo quere darlle visibilidade á muller no mundo da ilustración, unha disciplina máis da arte, así como ás propias peregrinas, desde o punto de vista histórico e actual.
O proxecto consistiu na organización dunha viaxe polos Camiños de Santiago en Santiago e polos parques da cidade de catro ilustradoras durante cinco días. A partires desta viaxe creouse unha obra coral, que se plasmou nunha exposición na Galería Sargadelos.
Finalmente, no convenio inclúese un proxecto de promoción da figura de Rosalía de Castro como atractivo turístico de Santiago e Galicia, que busca poñer en valor a figura de Rosalía como atractivo turístico da cidade, en tanto que aquí naceu, aquí atópase na Alameda unha estatua icónica inaugurada o 30 de xullo de 1917, e repousan os seus restos, no Panteón dos Galegos Ilustres.
Este proxecto ten dúas accións destacadas. Por unha banda, unhas visitas guiadas gratuitas seguindo a presenza de Rosalía de Castro na cidade, dende o Hostal dos Reis Católicos, onde foi bautizada, ata o Panteón dos Galegos Ilustres, que terán lugar a comezos de novembro. Por outra banda, o deseño e a edición de diferentes materiais promocionais da figura da escritora.